Buscar neste blog

martes, 25 de febreiro de 2025

VISITA A SOMESO E ACURIUM FINISTERRAE

Dentro do programa Atrévete, de Eduemprende, fomos hoxe ao Centro de Formación Profesional de Someso en A Coruña, onde nos explicaron o que significa o emprendemento, e como deberiamos facer para participar no concurso Atrévete. Pero o mellor foi despois , xa que coñecemos o centro, visitamos os seus talleres, explicáronnos cales son as cinco familias profesionais que teñen, que posibilidades de formación teríamos alí, e ata vimos a Vieira, unha casa bioconstruída, para aproveitar da mellor maneira posible os recursos naturais, e na que consumiríamos moi pouca enerxía, xa que aproveitariamos mellor os que nos ofrece a natureza. Despois fomos xantar ao Acuarium Finisterrae, e tivemos unha visita guiada con Raquel, que nos gustou moito. Aquí tedes o vídeo coas fotos de todo o día.

BOLSAS DE TEA

E como unhas cousas levan a outras, non íamos botar a perder a pinturaa de tea que nos sobrou dos disfraces, así que pintamos unhas bolsas chulísimas que usaremos para ser máis respectuos@s co medio ambiente. Tamén andar tinguindo teas facendo batik nos dou ideas para facer unhas camisetas ben chulas que imos estrear estes días.

PREPARANDO O DISFRACE

Chega o tempo do entroido e tratábase de facer o disfrace dunha profesión tradicional. Pensámolo un pouco e decidimos ser panadeiros e panadeiras, así que man á obra, a nosa panadería vaise chamar PANSANLUÍS E pintamos os nosos traxes de traballo.

A NOSA CONTRIBUCIÓN Á DOCU SERIE DE ROSALÍA DE CASTRO

Todo o alumnado do colexio colaborou na creación dunha Docu-serie sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro. Aquí tedes a nosa colaboración, tocounos recitar algúns dos seus poemas. A docuserie completa podédela ver no blog do Equipo de Dinamización da Lingua galega premendo AQUÍ

Coñecendo a Francisco Miguel II . Obradoiro de batik.... e máis

Na actividade do primeiro trimestre, arredor do artista Francisco Miguel, convidábasenos a que recreáramos obras do pintor. Nós fixemos unha obra colectiva, un mar precioso con tres papaventos, tamén Nagore e Nihad quixeron facer a súa obra persoal, con outros dous papaventos. E aprendemos a técnica de batik, que nos contou Hadrián que facía Francisco Miguel. Consiste en debuxar con cera derritida en tea, e despois tinguila. Obtivemos uns panos preciosos, cos que fixemos unha exposición. Neste vídeo podedes ver todo o proceso, e como nos quedaron. Non é nada dificil, proba ti.

martes, 11 de febreiro de 2025

RUTA LITERARIA E VISITA Á EXPOSICIÓN SOBRE AS MULLERES NA CIENCIA

 Por fin hoxe o tempo meteorolóxico permitiunos saír de paseo pola vila a facer unha ruta literaria con Hadrián García, que xa coñecemos doutras actividades.

Comezamos na rúa da Saúde, onde coñecemos un pouco mellor ao zapateiro poeta que presta o seu nome ao noso colexio, Xesús San Luís Romero, do que lemos un fragmento da súa obra O Fidalgo, 

despois, na praza de Galicia visitamos a ferretería de Pedrouzo, onde nos contaron un chiste de Carlos Díaz O Xestal,  

moi preto está a estatua de Alfredo Brañas, preto da casa onde naceu, e onde lemos un poema seu,

xa no Mercado falamos de como Manuel Rivas contaba que levou para a casa o mellor souvenir que puido de Carballo, e que non era cousa mellor que un gran molete de pan,

diante de Chocolates Mariño contáronnos como Xurxo Borrazás nunha novela contaba como nin unha bomba nuclear puido rematar co aroma do chocolate que tan ben coñecemos os que pasamos por alí, 

e foi unha mágoa porque tivemos que rematar pola choiva que empezou a caer, pero que aproveitamos nas escaleiras do Concello para probar unha onza dese chocolate tan rico que viñamos de ulir.

 Para rematar , nunha escampada, pasamos pola exposición da rúa Coruña onde nos falan de moitas mozas carballesas que están investigando nestes momentos en moi diversos campos da ciencia. 

Aquí vos deixamos unhas fotiños do percorrido da mañán. 

domingo, 2 de febreiro de 2025

ENTROIDO 2025